viernes, 24 de julio de 2015

Reflexión grupal sobre a sesión relativa á Estrutura da Formación Profesional e os Cerficados de profesionalidade


O sábado 27 de xuño, contamos con Elena González de la Cámara, para falarnos da estrutura da FP e dos certificados de profesionalidade. (Para coñecer algo máis sobre esta profesional podemos consultar os seus perfís de Linkedin e About.me).

Elena estruturou a súa exposición en dous apartados diferenciados: comezou falando da formación profesional, tanto na súa vertente académica como laboral, e rematou falando dos certificados de profesionalidade.

A Formación Profesional

Segundo indica Elena, "a formación profesional é un instrumento que permite mellorar e facilitar a adaptación das cualificiacións profesionais da poboacion activa", e "en función das necesidades do mercado de traballo e das cualificacións que se precisan, desenvólvense as ofertas públicas de formación profesional".

Ao falar de formación profesional hai que ter en conta as súas dúas vertentes:
  • Formación académica ou regulada (administración educativa).
  • Formación non formal ou formación para o emprego (administración laboral).

Comeza explicándonos a estrutura relativa ao Sistema Educativo, pois debemos ter en conta que a nivel académico está vixente a Lei orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación, coas modificacións introducidas pola Lei Orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa. E así, segundo se recolle no título V, os títulos de formación profesional estarán referidos, con carácter xeral, ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, e os ciclos da Formación Profesional que conducen á súa obtención, son:
  • FP básica (que vén substituír aos antigos programas de cualificación profesional inicial -PCPI-, que á súa vez substituíran aos programas de garantía social).
  • FP de Grao Medio
  • FP de Grao Superior

Dentro da formación profesional, pero como ensinanzas de carácter especial, atópanse as ensinanzas deportivas e as de artes plásticas e deseño.




Elena fai fincapé na Formación Profesional Básica (facendo referencia a que substitúen aos antigos PCPI), e explicándonos os requisitos de acceso á mesma. 

Se nos centramos nos estudos de formación profesional de carácter académico, existen dous réximes de acceso:
  • Réxime ordinario (modalidade presencial)
  • Réxime de persoas adultas (modalidade presencial ou a distancia)

Mención aparte merece a formación profesional dual. Trátase dunha modalidade de formación profesional, do réxime para as persoas adultas, que se  define como “o conxunto das accións e iniciativas formativas mixtas de emprego e formación que teñen por obxecto a cualificación profesional das persoas traballadoras, nun réxime de alternancia de actividade laboral nunha empresa coa actividade formativa recibida no marco do sistema de formación profesional para o emprego ou do sistema educativo”. Máis información sobre os convenios firmados en 2015 aquí.
 
Segundo indica Elena,  a Formación Profesional nace a través da articulación do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional (SNCFP). O instrumento fundamental é o Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais (CNCP), elaborado polo Instituto Nacional das Cualificacións (INCUAL).




O Catálogo organízase en familias profesionais e niveis. Así, definíronse 26 familias profesionais (atendendo a criterios de afinidade da competencia profesional das ocupacións e postos de traballo detectados), e 5 niveis de cualificación, de acordo ao grao de coñecemento, iniciativa, autonomía e responsabilidade precisos para realizar a devandita actividade laboral (en Europa hai 8 niveis EQF). 

O Catálogo é o instrumento do Sistema Nacional das Cualificacións e Formación Profesional (SNCFP) que ordena as cualificacións profesionais, susceptibles de recoñecemento e acreditación, identificadas no sistema produtivo, en función das competencias apropiadas para o exercicio profesional.




Rematada a parte centrada no sistema educativo, introdúcenos na relativa á formación profesional para o emprego, regulada polo Real Decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se articula o Subsistema da formación profesional para o emprego coas modificacións introducidas polo Real Decreto-lei 4/2015, de 22 de marzo para a reforma urxente do Sistema de Formación Profesional para o Emprego no ámbito laboral.

Dentro da formación profesional para o emprego, que vai dirixida a persoas traballadoras, en activo ou en situación de desemprego, podemos atopar a seguinte estrutura:
  • Formación de oferta
  • Formación de demanda
  • Formación en alternancia co emprego

Entre as novidades que introduce o Real Decreto-lei 4/2015, de 22 de marzo, Elena destaca como as máis significativas as seguintes:

  • A formación bonificada ou de demanda é competencia do Estado.
  • A formación de oferta, tanto para persoas ocupadas como para persoas desempregadas, é competencia das CCAA.
  • Introdúcese a conta de formación, que recollerá a historia formativa nun rexistro, asociada á conta de cotización (formación realizada, tanto pola vía privada como pola pública).
  • Aparece o cheque de formación (aínda non desenvolvido). Cada persoa disporá dun cheque, cunha cantidade de cartos asociada, para realizar formación en función das súas necesidades. 

Amósanos o organigrama da estrutura deste tipo de formación para detallar máis polo miúdo cada un dos tipos de formación e as accións que a compoñen segundo quen a oferta e os colectivos aos que vai dirixida. 





As modalidades nas que se impartirá este tipo de formación son tres: presencial, teleformación e mixta. A modalidade a distancia desaparece a partir de xaneiro de 2016.

Cualificacións e Competencias

Elena remata esta primeira parte relativa á estrutura da formación profesional (regulada e non regulada), e comeza a falarnos de Cualificacións e Competencias, conceptos fundamentais para introducir a temática relativa aos Certificados de Profesionalidade. Así explícanos que se entende por cualificación profesional e por compentencia profesional. 

A cualificación profesional é o conxunto de competencias profesionais con significación para o emprego, e poden ser adquiridas mediante formación modular ou outros tipos de formación e a través da experiencia laboral.

A competencia profesional é o conxunto de coñecementos e capacidades que permitan o exercicio da actividade profesional, conforme ás esixencias da produción e o emprego.


As cualificacións profesionais organízanse en Unidades de Competencia (UC). A Unidade de Competencia é o agregado mínimo de competencias profesionais susceptible de recoñecemento e acreditación parcial. Explícanos como se estruturan as unidades de competencia, establecendo unha clara descrición dos compoñentes que a conforman: datos de identificación,  realizacións profesionais e criterios de realización, e a descrición do contexto profesional. Pasamos a ver exemplos utilizando a familia de "Atención Sociosanitaria a persoas en domicilio" para axudarnos á comprensión destes conceptos.

As cualificacións teñen dous referentes, referente laboral (administración laboral) e referente formativo (formación). A estructura modular compartida nos módulos permite o "salto" e establece pontes de unión entre a Formación Profesional e a Formación Ocupacional. Este aspecto é destacado pola docente como fundamental e recoméndanos que visitemos as webs do INCUAL, IGC, e tamén consultemos o Marco Europeo (EQF), e o Catálogo Nacional das Cualificacións para familiarizarnos coa súa estrutura e afianzar os coñecementos expostos.

A partir de aquí, somerxémonos na última parte da sesión, os Certificados de Profesionalidade. 

Certificados de Profesionalidade

Os certificados de profesionalidade (RD 34/2008 modificado polo RD 1675/2010) son a acreditación oficial das cualificacións profesionais do catálogo, con independencia de como se teñan adquirido. É un documento onde se reflicte un perfil profesional e un itinerario formativo.

A súa finalidade é, por unha banda, acreditar as competencias (ben pola vía da formación ou pola da experiencia laboral) e por outra, establecen os contidos formativos (regulados por RD) e definen as competencias profesionais características da formación asociadas a elas.
Teñen carácter oficial e validez en todo o estado español.

Os certificados ordénanse en 26 familias profesionais e, de acordo aos niveis de cualificación que neles se inclúen, constitúen o Repertorio Nacional de Certificados de Profesionalidade. 

Poden adquirirse pola vía formativa ou polo recoñecemento da experiencia profesional, procedemento que nos explica e co que pechamos a sesión.


   


Este proceso (rEXP) consiste nun conxunto de actuacións dirixidas a recoñecer a competencia adquirida a través da experiencia laboral ou outras vías non formais de formación.  É un procedemento único para o ámbito educativo e laboral e, ao igual que os certificados, con validez en todo o territorio español.

Está composto por tres fases: asesoramento, avaliación das competencias profesionais e acreditación e rexistro das compentencias.

Por último, indicar que Elena pecha a sesión recomendándonos "viaxar" durante a semana polas webs indicadas, para  profundizar na temática, e invítanos a formular as dúbidas que teñamos sobre estes aspectos á seguinte sesión presencial na que Ana Ferreiroa, profesional de destacada experiencia no IGC, nos pode resolver. Despídese facilitándonos as súas coordenadas profesionais por se queremos profundizar na temática ou para resolución de posibles dúbidas.


Utilidade das temáticas tratadas na sesión

Consideramos de especial interese e utilidade para os/as orientadores/as laborais  todos os conceptos explicados na sesión, xa que son fundamentais para a práctica profesional diaria e para un correcto asesoramento aos demandantes de emprego. 

Cada día atendemos situacións  reais con dúbidas acerca desta temática, polo que todo o que poda achegarnos información relevante, axúdanos e fainos mellores profesionais. 


Para máis información:

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada